O deputado provincial, Xosé Lois Jácome vén de presentar unha nova iniciativa para coñecer de primeira man a situación dos e das traballadoras do Museo de Pontevedra tras coñecer a sentencia favorable a unha das demandantes contra a Deputación.
A Coalición Son denuncia que a Deputación utiliza diferentes persoas para cubrir o mesmo posto indefinido de maneira rotatoria. “É un posto no Museo de Pontevedra que se demostra que non pode cubrirse de maneira eventual ou en épocas de maior visita ao Museo, senón que é necesario todo o ano. A Deputación utilizou diferentes persoas para cubrir o mesmo posto para que estas non acadasen a figura de ‘indefinido’”. Para Xosé Lois Jácome é un feito grave e do que o deputado xa alertou en xuño do 2018 tras coñecer o caso concreto.
O posto de “auxiliar técnico do Gabinete Didáctico”, no que a demandante desenvolvía a súa quenda laboral, era cuberto cada seis meses por persoas que estaban nunha bolsa de emprego. É dicir, cando as persoas contratadas cumprían 6 meses do contrato ían ó paro e contrataban a outras persoas da lista para facer exactamente as mesmas tarefas; algo que se viu prolongado ata que rematou a vixencia da bolsa, que era de dous anos dende o seu inicio. Cando rematou esta modalidade de contratación -a través das listas- recorreuse ás listas do paro; excluíndo por tanto do proceso ás propias persoas que nese momento estaban contratadas pero que ían deixar de estalo en pouco tempo. “Isto vén provocando unha situación indiciariamente irregular, pois propicia que haxa persoas que levan anos cubrindo necesidades que son permanentes, con contratos temporais. Accédense a diferentes tipos de contratacións, rotan uns e outros traballadores/as, pero sempre hai un grupo de traballadores/as temporais, xa que son imprescindíbeis para o funcionamento do Museo” apuntou Jácome. O horario do Museo é de 10 a 21h de martes a sábados e de 11 a 14h os domingos e festivos; a excepción daqueles festivos que pecha. Para cubrir ditos horarios, precísanse, segundo profesionais do Museo 16 auxiliares; 8 de mañá e 8 de tarde. Enténdese ademais que o persoal debe desempeñar parte da súa labor en horario de non apertura para a preparación de tarefas, actualizar coñecementos ou preparar exposicións. Agora, a xustiza dálle a razón a M.M.O.G, que presentou unha demanda contra a Deputación por utilizar un modo fraudulento a contratación temporal. Por tanto, a traballadora ten unha relación laboral de carácter indefinido coa Deputación segundo o xuíz. Ante estes feitos coñecidos, a Coalición Son vén de presentar unha nova iniciativa, xa que a anterior foi obviada polo goberno provincial, para coñecer os motivos da presentación dun recurso ante a claridade da situación. Entre outras cousas preguntámoslle á Deputación cal é o motivo de convocar tres postos interinos que podería cubrir a demandante coa sentenza xa na man; así como información sobre o servizo de Gabinete Didáctico para coñecer o fondo da cuestión. Iniciativa presentada en xuño do 2018: https://is.gd/ASU2Mw A Deputación ten que asumir... by on Scribd
0 Comentarios
O deputado provincial, Xosé Lois Jácome vén de presentar ao longo do ano varias iniciativas neste sentido, sen que fose contestada ningunha, incumprindo por tanto o o regulamento da Deputación, que marca en 5 días o tempo de resposta se non hai causa motivada. Pontevedra, 1 de febreiro do 2019.
A Coalición Son denuncia que a área de cultura fai caso omiso as preguntas do deputado provincial Xosé Lois Jácome incumprindo o regulamento da Deputación. Argumenta Jácome que “en moitas ocasións as respostas son pouco concretas, pero a área de cultura directamente non contesta, facendo caso omiso do regulamento que o propio goberno propuxo e aprobou sen oposición deste grupo”. Sen información básica a Coalición Son non pode realizar o seu traballo como representante institucional, como ocorre co caso das subvencións e bases respecto á dinamización lingüística. Na última acta da xunta de goberno saen as bases -continuístas- das subvencións para normalización lingüística dirixidas a concellos e entidades locais da provincia de Pontevedra. Aseguran as bases, que un dos dous obxectivos de ditas subvencións é “a creación ou mantemento dos servizos de normalización lingüística”, algo para o que se outorga en total 150.000€. “A Deputación pretende crear servizos de normalización lingüística aportando como máximo 15.000€ por concello, o que supón o 40% do que custaría o soldo da persoa que levase dito servizo; algo totalmente inasumible para os concellos que non dispoñen do orzamento suficiente para facer dito esforzo” comentan dende a Coalición Son. O deputado provincial engade que “para outras actividades como a de dinamización lingüística, outórganse os mesmos cartos pero finánciase o 75% da actividade; polo que ambas axudas están proporcionalmente descompensadas”. Dende a Coalición Son critican que nas bases apareza que se outorgará ata o 75% da creación do servizo de normalización lingüística, mais por outro lado limitan dita cantidade a 15.000€, o que supón o 40% do servizo e nunca o 75%. “Isto está provocando que moitos concellos opten por acollerse ás axudas que saen mellor, como as de dinamización lingüística de cara a facer actividades que, maila ser en galego, non teñen carácter dinamizador”. O deputado provincial advirte que xa son varias preguntas rexistradas onde esixe informes sobre os beneficios en materia de dinamización para algunhas actividades subvencionadas, pero ningunha foi contestada por parte do goberno provincial. Dende a Coalición Son propoñen axudas exclusivas para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística como se fai en Deputacións veciñas; e así romper a fenda que hai, por exemplo, entre A Coruña (34 concellos con SNL) e Pontevedra (10). Tamén promover a creación de novos servizos, onde na nosa provincia “só se creou en Nigrán e durou menos dun ano, proba disto é que acaban de reactivalo hai un mes por un prazo dun ano”. “Cremos que a longo prazo, e aínda que electoralmente non venda tanto, a creación de servizos de normalización lingüística estables e robustos sempre vai beneficiar e mellorar ó prestixio e uso da nosa lingua; algo que ata agora non se demostrou que ocorrese con actividades soltas que son obxecto subvencionable por parte da Deputación” concluíu Xosé Lois Jácome, deputado provincial da Coalición Son. Jácome vén de presentar de maneira urxente unha iniciativa para obter contada información trala adxudicación dunha subvención á Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia.
Xosé Lois Jácome alerta que na última relación de subvencións concedidas relativas a actuacións e actividades de carácter turístico, aparece un proxecto subvencionado con 2.082,5€ proposto pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia. O proxecto, que se compón de “tres xornadas de formación para anfitrións de vivendas de uso turístico”, tiña un orzamento de 2.975,00€, polo que a Deputación subvencionou un 70% do mesmo.
Para a Coalición Son isto non pode ter cabida xa que, segundo o grupo “o modelo turístico que temos actualmente na provincia é un turismo masivo de sol e praia que foi fomentado no franquismo e que só trae precariedade e desfeita no tecido social e asociativo das vilas. Coas vivendas turísticas estase a especular cun ben básico e as administracións a falta de non facer nada parece que aínda as promoven e fomentan.” Xosé Lois Jácome non comprende como as bases de subvencións públicas poden ter como destinatario un ente que fomenta a destrución do tecido social e asociativo das vilas; pois xa se está constatando a dificultade extrema de atopar un aluguer continuado durante todo o ano, xa que cada vez son máis os propietarios e propietarias que deciden alugar só na época escolar -con sorte; xa que a meirande parte destas vivendas están pechadas case todo o ano a excepción da época estival- e no verán dedicala a uso turístico cuadriplicando o aluguer polo seu valor real no mercado. Isto crea a imposibilidade de asentamento, segundo o deputado provincial, da xente que fai pobo en ditas vilas, é dicir “non hai vivendas anuais para a xente que merca, consume e habita todo o ano neses pobos ou cidades” engadía Jácome. Dende Coalición Son apuntan que os pisos turísticos aumentaron un 62% en Galicia en menos dun ano, e engaden que “non entendemos como un goberno que se di de esquerdas dea axudas públicas a unha entidade que ten o obxectivo de promover ditas vivendas, ou o que é o mesmo: especular cun ben básico”. Jácome engade que a Deputación deberá dicir se comparte as políticas turísticas que provocan que en Sanxenxo haxa máis de 1500 vivendas turísticas, ou máis de 200 en Cangas, 190 en Poio ou 142 en Bueu por nomear algunha das vilas pontevedresas. O goberno provincial deberá aclarar que beneficios para a cidadanía da provincia aporta darlle unha subvención de máis de 2.000€ á Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, xa que, se ben non supón unha gran cantidade de orzamento, outorgar esta subvención valida un modelo de especulación que non ten cabida nunha política progresista. O deputado provincial concluíu que “isto é unha cuestión de principios políticos, e non importa a cantidade cando estas fomentando a especulación fronte ao dereito á vivenda”. Consulta a acta onde se recolle a concesión na páxina 11 da seguinte ligazón: https://is.gd/mhgmVM Pregunta Sub Vivenda Turistica by on Scribd En 2015 a Coalición Son, a petición de Marea Pontevedra, presentou unha moción na institución provincial, e aprobada cos votos a favor de PSdG e BNG, solicitando que a Deputación renunciase a pedir unha prórroga das concesións situadas no dominio público marítimo-terrestre. Algo máis de 3 anos despois, o goberno provincial, incumpre a súa palabra e solicita a prórroga da concesión do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial na Xunqueira de Alba.
Xose Lois Jácome: Isto e unha mostra do que sucede moitas veces nas institucións. O incumprimento dos acordos plenarios é unha cousa devalúa as institucións. Cando un equipo de goberno vota a favor dunha moción e a incumpre, consegue que perdamos a confianza nel e dificulta, tanto no presente como no futuro, que poidamos chegar a acordos en beneficio da cidadanía de Pontevedra. Luís Rei: As forzas políticas que gobernan no Concello e na Deputación critican, con razón, a concesión dunha prórroga ENCE na Ría de Pontevedra e ao mesmo tempo esas forzas políticas piden unha prórroga para a concesión de instalacións da Deputación, como son o Parque de Maquinaria e a Imprenta Provincial. O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión ordinaria celebrada o día 27 de novembro de 2015, hai máis de tres anos, aprobou a instancia do deputado provincial de SON (e Marea Pontevedra) e cos votos favorables do PSOE e BNG, a renuncia expresa a pedir unha ampliación da concesión dos terreos que actualmente ocupan a Imprenta Provincial e o Parque de Maquinaria do organismo provincial dentro do dominio público marítimo-terrestre. Naquel acordo, a Deputación comprometíase ao desmantelamento desas instalacións e o seu trasladalo a un lugar menos daniño para o medio ambiente, e a colaborar co Concello de Pontevedra no deseño e desenvolvemento dun plan que permita a total recuperación deses terreos. A Xunqueira de Alba conta, sobre o papel, coa protección ambiental que lle ofrece a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local (segundo Orde do 27 de agosto do 2012, DOG do 14 de setembro de 2012), unha figura normativa recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto de conservación da natureza de Galicia. Trátase dun espazo de 670.000 metros cadrados, nos que están incluídos os 170.000 metros cadrados que aínda ocupan naves e instalacións de distintas administracións (Imprenta Provincial, Parque de Maquinaria da Deputación, Parque móbil de ministerios, Xefatura de Tráfico…). De igual xeito que para o caso de ENCE, a versión orixinal da Lei de costas de 1988, e mais o seu regulamento, obrigaban á recuperación destes espazos, catalogados como de dominio público marítimo-terrestre, para devolverlles o estado previo á concesión, tras o seu remate en 2018. Coalición Son vén de anunciar que presentará unha iniciativa para coñecer a última información sobre a petición da prórroga, así como a situación do proxecto do traslado acordado en pleno. Jácome alerta que a Comisión Europea non defende o xeito e a arte tradicional está tremer pola súa posible prohibición.
Foi unha proposta da Comisión Europea lanzada no 2014 a que fixo tremer a un sector enteiro; o do xeito, algo que creou moita preocupación en Galiza porque supuña a prohibición da arte tradicional. “É en xaneiro deste ano cando nos enteramos que a Comisión Europea non recoñece esta especificade, e coa prohibición de utilizar para os pequenos peláxicos unha dimensión da rede inferior a 50mm, o xeito quedaría prohibido” alerta o deputado da Coalición Son.
Jácome asegura que o comisario de pesca, a unha pregunta contestada á eurodeputada Lídia Senra eludiu responder á cuestión, “xa que en lugar de atallar o tema da dimensión da malla en si que é o que interesa, limitouse a falar da lonxitude”. Dende Coalición Son lembran que o sector do xeito xa se mobilizou no 2015 e foi grazas a isto que a Comisión Europea finalmente renunciou ao veto. Dende o grupo provincial engaden que estas redes soen usarse en barcos “de un ou dous tripulantes” sendo unha “arte da cal dependen en Galiza arredor dun milleiro de familias” onde “a protección do xeito é fundamental xa que moitas vilas mariñeiras e pobos costeiros dependen economicamente desta arte tradicional”. Jácome apunta que “é de xustiza social que a Deputación de Pontevedra vote a favor dos acordos da moción” por ser o xeito “unha das nosas expresións tradicionais que parte da nosa cultura e identidade como pobo galego”. Moción para salvagardar a a... by on Scribd
O deputado da Coalición Son non entende estes orzamentos como un proxecto innovador que aporte algunha modificación ao que xa estabamos acostumadas, e engade que “estamos ante uns orzamentos continuístas no sentido en que o equipo de goberno non tivo a flexibilidade para atallar os graves problemas de execución”.
|