Jácome vén de presentar de maneira urxente unha iniciativa para obter contada información trala adxudicación dunha subvención á Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia.
Xosé Lois Jácome alerta que na última relación de subvencións concedidas relativas a actuacións e actividades de carácter turístico, aparece un proxecto subvencionado con 2.082,5€ proposto pola Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia. O proxecto, que se compón de “tres xornadas de formación para anfitrións de vivendas de uso turístico”, tiña un orzamento de 2.975,00€, polo que a Deputación subvencionou un 70% do mesmo.
Para a Coalición Son isto non pode ter cabida xa que, segundo o grupo “o modelo turístico que temos actualmente na provincia é un turismo masivo de sol e praia que foi fomentado no franquismo e que só trae precariedade e desfeita no tecido social e asociativo das vilas. Coas vivendas turísticas estase a especular cun ben básico e as administracións a falta de non facer nada parece que aínda as promoven e fomentan.” Xosé Lois Jácome non comprende como as bases de subvencións públicas poden ter como destinatario un ente que fomenta a destrución do tecido social e asociativo das vilas; pois xa se está constatando a dificultade extrema de atopar un aluguer continuado durante todo o ano, xa que cada vez son máis os propietarios e propietarias que deciden alugar só na época escolar -con sorte; xa que a meirande parte destas vivendas están pechadas case todo o ano a excepción da época estival- e no verán dedicala a uso turístico cuadriplicando o aluguer polo seu valor real no mercado. Isto crea a imposibilidade de asentamento, segundo o deputado provincial, da xente que fai pobo en ditas vilas, é dicir “non hai vivendas anuais para a xente que merca, consume e habita todo o ano neses pobos ou cidades” engadía Jácome. Dende Coalición Son apuntan que os pisos turísticos aumentaron un 62% en Galicia en menos dun ano, e engaden que “non entendemos como un goberno que se di de esquerdas dea axudas públicas a unha entidade que ten o obxectivo de promover ditas vivendas, ou o que é o mesmo: especular cun ben básico”. Jácome engade que a Deputación deberá dicir se comparte as políticas turísticas que provocan que en Sanxenxo haxa máis de 1500 vivendas turísticas, ou máis de 200 en Cangas, 190 en Poio ou 142 en Bueu por nomear algunha das vilas pontevedresas. O goberno provincial deberá aclarar que beneficios para a cidadanía da provincia aporta darlle unha subvención de máis de 2.000€ á Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, xa que, se ben non supón unha gran cantidade de orzamento, outorgar esta subvención valida un modelo de especulación que non ten cabida nunha política progresista. O deputado provincial concluíu que “isto é unha cuestión de principios políticos, e non importa a cantidade cando estas fomentando a especulación fronte ao dereito á vivenda”. Consulta a acta onde se recolle a concesión na páxina 11 da seguinte ligazón: https://is.gd/mhgmVM Pregunta Sub Vivenda Turistica by on Scribd
0 Comentarios
Deja una respuesta. |