Marea de Vigo, estando totalmente dacordo con todas as accións encamiñadas a darlle un futuro digno a todas as persoas refuxiadas, nomeadamente nestes días as persoas que están no buque Aquarius, cualifica como extremadamente contraditorio que sexa precisamente Abel Caballero quen, dende a presidencia da FEMP, teña que levar a cabo a coordinación para a súa acollida, cando o percorrido do Concello que preside en materia de cooperación internacional e axuda ás persoas refuxiadas amosa unha clara deixadez e unha evidente falta de vontade.
Para a Marea de Vigo, resultou máis que evidente a falla de compromiso do goberno local, por unha banda, coas persoas refuxiadas, ao absterse na moción que presentaba o grupo municipal da Marea de Vigo xa en xaneiro do 2017, na que entre outros acordos se pedía a asunción das medidas recollidas nas demandas da Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, e pola outra, coa propia cooperación internacional cando, no 2015, de xeito unilateral, o Concello de Vigo saía do Fondo Galego de Cooperación Internacional para, en teoría, levar a cabo a súa propia cooperación internacional. Dende ese momento non foron quen de levar a cabo gasto algún neste eido xa que carecían das bases legais necesarias coas que si que contaba o Fondo Galego de Cooperación Internacional, sendo o que daba o marco legal para facelo. Polo tanto, o Concello de Vigo gastou unicamente, no ano pasado, a través de dúas subvencións, 50.000 euros da partida que anteriormente era de 95.000. Nesa liña foi o acontecido co consello municipal de cooperación, consello non convocado dende fai máis dun ano, no que, curiosamente na última xuntanza, na primavera do 2017, o debate xiraba en torno á introdución de empresas privadas nos proxectos de cooperación internacional, práctica literalmente ilegal, tal e como nesa altura aclarábase por parte das ONG’s presentes. “Supoñemos que a falla de convocatoria do consello tamén se debe á nula importancia que se lle da ao mesmo, ao non querer contar co seu asesoramento” engade Jácome. “A cooperación internacional, entre moitos outros factores, tamén é parte da axuda que se debe ofrecer desde as institucións para tratar de, en grado algún, frear, diminuír, ou evitar as terribles causas que abocan á poboación a fuxir, tanto estas sexan económicas ou froito de conflitos armados (moitos deles incluso apoiados por países membros da UE).” remata Xosé Lois Jácome, concelleiro do grupo municipal da Marea de Vigo. Nota orixinalmente publicada na páxina da Marea de Vigo: http://www.mareadevigonoconcello.gal/notas-de-prensa/marea-de-vigo-sobre-idoneidade-de-abel-caballero-para-coordinacion-da-acollida-das-persoas-refuxiadas/
0 Comentarios
Deja una respuesta. |