O primeiro que sentes cando recibes a proposta de escribir sobre o “aliado feminista” é pudor. Moito pudor. Primeiro pregúntaste a ti mesmo se es ou non un aliado, e despois, se tes a sorte de vivir e traballar rodeado de feministas (das de verdade) preguntas se ten sentido que ti escribas sobre que é un aliado ou se só vas a facer o ridículo máis solemne, cousa que por outra banda tamén está moi de moda na política.
A verdade, é que as compañeiras as que preguntei tiveron cada unha a súa maneira unha resposta bastante positiva; dende “o nivel está tan baixo que non está mal que o fagas ti” (dito con cariño, espero) a “mira o que pasa nas asembleas cando falan as mulleres, non sei se es aliado, mais non es inimigo”. É verdade. O nivel é lamentable, sorprende a cantidade de compañeiros de esquerdas que se declaran, xa non machistas, senón directamente feministas e despois interrompen as mulleres que dan o paso de intervir nunha asemblea e nunca, nunca interrompen a un home. Sorprende a cantidade de compañeiros que non ven nada anormal a que a unha xuntanza de traballo acudan catorce homes e unha muller (non dou unha cifra ao azar, tiro de xuntanzas próximas no tempo) sorprende que por militar nunha organización que ten o feminismo por unha das súas bandeiras xa non sexan quen de poder ver que reproducimos os comportamentos da sociedade, unha sociedade heteropatriarcal ata a medula. Heteropatriarcal ata tal punto, que nin vemos o machismo porque forma parte de nós. Prefiro pensar que a situación é mellor nas organizacións de esquerda que na dereita ou “extremo centro”, mais a verdade, non o teño moi claro. As compañeiras feministas, fixéronme ter por costume contar ao chegar a un debate, acto ou asemblea, e agora non podo evitar facelo. Chego, séntome e conto, cantos homes? Cantas mulleres? Cantas intervencións de homes e cantas de mulleres? Cantas veces un home repetiu os argumentos doutro home só polo pracer de escoitarse e de que o escoiten? Cantas veces unha muller ao chegar a súa quenda de palabra di que por non repetir pasa o seu quenda? Moitas, a brevidade é revolucionaria e é unha calidade feminista. Cantas veces fai iso un home? Mínimas, as veces que tiven que escoitar “non vou aportar nada novo, pero...” son xa incontables e sempre, sempre, sae da boca dun home. Aos actos feministas aos que tiven a oportunidade de asistir (non os suficientes, téñoo claro) sempre hai maioría de mulleres, e sempre se repiten as mesmas caras masculinas. Sen embargo, cousas que sorprenden, nun acto recente sobre ventres de aluguer, oh sorpresa, de repente o numero de homes igualaba ao de mulleres. Claro, tomábase posición sobre un tema, e cando toca tomar decisións, alí estamos os homes. Participando e opinando, agora ben, cando toca falar de prostitución, cando toca escoitar cousas horribles como que o 30% dos homes no estado español recoñecen ser usuarios da escravitude que supón esa practica, aí non estamos e tampouco se nos espera. Decidir si, formarse para evitar caer no “sentido común” que supón a opinión maioritaria formada por un sistema que consagra a dominación de 50% da poboación, non. Iso non nos fai falta aos homes, xa militamos en formacións que se din feministas! Que máis precisamos facer? Por favor! Unha moi estimada compañeira, dicía hai pouco que “fíxenme feminista e por iso, despois, fíxenme ecoloxista e por iso, despois, fíxenme comunista”. Eu fíxenme anticapitalista e por iso, algún dia aspiro a ser aliado feminista. De momento terei que conformarme con non ser inimigo. Aspiro a seguir escoitando, a non menosprezar unha opinión por de quen veña, a continuar con esas incomodas gafas anticapitalistas as que hai que engadir unha lentes violetas porque unha cousa non pode vir sen a outra, a continuar tendo dubidas sobre se debo escribir ou non sobre “aliados” porque sei, con toda seguridade, que non teño a suficiente formación feminista, porque sei, con toda seguridade que hai un machista en min. Porque é imprescindible que teña conciencia de que eu, son machista e todos e cada un dos homes que coñezo, tamén o é. E isto non debería ofender a ningún aliado feminista, verdade? Publicada orixinalmente en contrainformación.es: https://contrainformacion.es/pudor/
0 Comentarios
Deja una respuesta. |