Xosé Lois Jácome, presenta unha moción solicitando ao goberno provincial a inclusión de cláusulas sociais nos seus contratos “para dar un paso adiante cara a xustiza social”. A Coalición Son pretende con esta iniciativa que o goberno provincial tome cartas na situación de desigualdade na que nos atopamos hoxe en día; así como con outros factores como os lingüísticos ou os sociais.
Para Jácome, o actual modelo xeral que usa a Deputación de Pontevedra “ten como única variable a ter en conta para a adxudicación de contratos a ponderación do prezo”; mais é evidente que isto non é o que beneficia á maioría social, por iso, di “é necesario poñer por diante a cohesión social, a adaptación e contemplación de necesidades especiais e de colectivos desfavorecidos, así como a redistribución equitativa da riqueza e dos recursos dispoñíbeis”. Desta maneira, “fuxiriamos da identificación errónea que facemos tendo en conta só o prezo máis baixo; pois a oferta idónea pode que non sexa a máis barata pero si a máis comprometida socialmente” apunta o representante da Coalición Son. A moción, fai especial fincapé nas cláusulas de igualdade; apostando pola conciliación laboral, o teletraballo, o uso non sexista da linguaxe e da imaxe da muller, un porcentaxe mínimo de vítimas de violencia machista ou con diversidade funcional contratadas ou plans específicos para detectar e previr o acoso sexual. Por outra banda, tamén se resaltan as cláusulas medioambientais; Jácome propón esixir ás empresas que queiran optar a un contrato coa Deputación a que reduzan os seus residuos, que non usen produtos tóxicos ou nocivos e que fomenten o uso de tecnoloxías que favorezan o aforro e o consumo responsable. Ademais, a iniciativa tamén busca a inclusión de cláusulas lingüísticas; favorecendo o compromiso lingüístico das empresas que contraten coa Deputación; desta maneira, aplicaríase unha discriminación positiva moi necesaria nos tempos que corren para “a nosa lingua nai” concluíu Jácome. PD: Podes ver a moción aquí: https://i.gal/1omvr
0 Comentarios
Deja una respuesta. |