Son rexistra unha moción para o vindeiro pleno da Deputación de Pontevedra na que insta ó pleno da corporación ó inicio dunha auditoría do servizo contra incendios e salvamento, actualmente xestionado por MATINSA. A Coalición Son vén de rexistrar dita moción na que, ademais da auditoría, tamén solicita que se inicie de maneira inmediata a apertura do expediente de rescisión de contrato no caso de que a auditoría amosase datos negativos.
Esta moción é froito de numerosas denuncias ó longo destes anos por parte do cadro de persoal do servizo contra incendios e salvamento, que veñen sufrindo os recortes da privatización na súa quenda laboral sen que as administracións públicas competentes tomen cartas no asunto. O deputado provincial, Xosé Lois Jácome comentou que “temos na provincia de Pontevedra un servizo esencial totalmente privatizado, co perigo que supón o desmantelamento neste eido, para nós e para o cadro de persoal, que ata hai unhas semanas non tiñan nin roupa de traballo adecuada para as temperaturas que soportamos estes meses”. Jácome, tamén amosou discrepancias coa Deputación e a xerencia do consorcio provincial; pois viu de rexistrar ata catro veces unha solicitude para visitar os parques comarcais, sen que a xerencia, a empresa ou o deputado delegado da área contestasen a ditas peticións en sete meses. “É evidente que cando non nos permiten a entrada ós parques nin recoñecen incumprimento de contrato algún, algo están ocultando” apuntaba Jácome en relación ás últimas respostas recibidas por parte da Deputación respecto ó funcionamento do servizo contra incendios. Segundo o representante da Coalición Son, existen numerosos indicios de que MATINSA está a incumprir o contrato asinado na época de Louzán, comezando principalmente polas unidades específicas, das que actualmente ningunha funciona a pesar de que o contrato esixía o mantemento de todas as unidades que funcionasen ata o momento da concesión. Algo que a actual xerencia xustifica con que “non eran unidades profesionais”; mais se nos paramos a observar as infraestruturas dos parques, comprobamos que no de Ribadumia existen canceiras pagadas con cartos públicos; o que fai evidente a existencia da unidade canina, entre outras. A isto se lle suman as pésimas condicións laborais que vén carrexando o cadro de persoal, onde a propia Inspección de Traballo denunciou 19 feitos na relación laboral con MATINSA, instando á empresa a arranxar a situación de maneira inmediata. Jácome agarda que o goberno da Deputación defenda os intereses da cidadanía e do cadro de persoal votando a favor desta moción e non da empresa privada MATINSA; pois esta situación di, “non se pode soportar durante moito tempo máis”. Descarga aquí a moción: https://i.gal/znb2v
0 Comentarios
Deja una respuesta. |